Friday 03 de May de 2024

Último día para inscribirse no Entroido de Ordes


O prazo para poder participar no desfile e concurso de disfraces finaliza o luns. Repartiranse máis de 4000 € entre todas as categorías. O vindeiro martes, a rapazada será a protagonista da Tarde de entroidada

O luns 16 finaliza o prazo para poder participar no desfile e concurso no que o Concello de Ordes repartirá máis de 4.000 euros en premios. A celebración, que cada ano congrega a varios milleiros de persoas entre veciños, veciñas e visitantes doutras localidades, terá lugar o sábado día 21.

A programación do coñecido como sábado de piñata arrancará ás 17 horas cun gran desfile polas principais rúas da vila ordense ata chegar ao Campo da Feira. O céntrico espazo será unha vez máis o escenario para ver con detalle todos os disfraces de cada unha das categorías que compitan por acadar algún dos premios. Estes non serán acumulativos, sendo os de maior contía para as dúas mellores carrozas con 600 e 400 €. No caso das comparsas serán de 400, 300 e 200 € para os adultos e de 225, 175 e 135 € na categoría infantil. Os participantes poderán acadar 170, 120 e 90 euros no caso dos adultos e de 100, 80 e 60 € para os nenos e nenas. O xurado tamén concederá un premio simpatía de 150 euros, outro de 200 euros á mellor comparsa do municipio, así como outros 1000 € en premios locais.
O xurado, composto por 3 membros, valorará especialmente a orixinalidade dos disfraces, o esforzo realizado na súa confección e deseño, ademais da posta en escena. Os que queiran concursar deberán apuntarse como moi tarde o vindeiro luns ata as 14 horas no departamento de Cultura ou Deporte, ou ben chamando ao 981680002.

Para consultar más amplamente as bases desta convocatoria, a cal está patrocinada por Reale seguros e Jaime Castro asesoría laboral, os interesados poden facelo a través da páxina web do Concello (www.ordes.gal).

Tarde de entroidada

Como é habitual a primeira cita do Entroido en Ordes ten como protagonistas aos nenos e nenas do municipio. O vindeiro martes día 17 o Concello ten preparado para todos e todas elas a súa tradicional ‘Tarde de entroidada’. A xornada de celebración desenvolverase dende as 16.30 ata as 19.30 horas na Alameda de Ordes. No caso de que as condicións meteorolóxicas o impidan a actividade trasladarase ao pavillón Campomaior. Alí os asistentes poderán divertirse e participar nunha ampla variedade de obradoiros. Globoflexia, maquillaxe, máscaras, elaboración de chapas, ademais de divertidas animacións, xogos e bailes son algunhas das actividades organizadas para este día.